Últimas novas

Un verán record tamén para a Torre de Hércules

img7_960

Un total de de 61.136 persoas visitaron a Torre de Hércules en xullo, agosto e setembro o que supón un leve aumento respecto ao mesmo período do ano anterior, cando visitaron o faro 60.902 persoas. Unha media diaria de case 700 visitas.

Os datos obtidos, froito dunha enquisa de satisfacción realizada por primeira vez e elaborada polo persoal do monumento tamén debuxaron o perfil do visitante do faro o cal é: español, viaxa en parella, visita o faro por primeira vez -pero infórmase antes por internet- sabe que é Patrimonio da Humanidade, concédelle un sobresaínte e recomendaría a experiencia aos seus amigos e familiares.

Así mesmo, o estudo revela que o 45% dos enquisados teñen entre 30 e 45 anos. Ségueo a franxa de idade entre os 18 e 30 anos, cun 23%, a de entre 45 e 65 anos (22) e a de máis de 65 anos, cun 10%.

Respecto á procedencia, o 76% son visitantes nacionais fronte ao 24% de estranxeiros. Por Comunidades Autónomas, Galicia ocupa o primeiro lugar (20%) seguida de Madrid (17), Andalucía (16) e Cataluña (10), o mesmo ranking que en 2012. Con respecto aos visitantes procedentes de Europa -o grupo máis numeroso dentro dos estranxeiros, cun 16%-, os franceses están á cabeza (18%), seguidos de británicos (14) e portugueses, que cun 13% obteñen idéntica porcentaxe que alemáns e italianos.

O resto dos países europeos repártese o 29%. Entre eles destacan os visitantes rusos, cuxo incremento é continuado. Este verán a Torre de Hércules recibiu a visita de 400 persoas procedentes deste país.

En canto ao coñecemento sobre a Torre de Hércules, o 63% dos enquisados asegura que se informou antes de ver o monumento, e a maioría -seis de cada dez- saben que é Patrimonio da Humanidade. En canto á pregunta de como se animaron a realizar a visita, case a metade, o 48%, afirmaron que o fixeron grazas a Internet, o 16% polos amigos e o 15% polas oficinas de turismo. O 21% restante por outros medios moi diversos (libros, publicacións, folletos, raio, televisión…).